Gustau Muñoz, unha porta á potencia cultural de Valencia

Xesús González Gómez.

Gustau Muñoz (1951) é ensaísta, tradutor e editor. Pódese ler na lapela de Després del llibre, Notes sobre llibres, història i cultura, publicado na colección Figura da Universidade de Barcelona no 2023, e que recolle «textos que apareceran en formato artigo, basicamente como “Notas de lectura” na edición valenciana de eldiario.es. Mais tamén –nalgúns casos– noutros medios, como Posdata (Levante-EMV) ou a revista Pasajes. Ou mesmo en forma de prólogo (…). Coma na aventura anterior, o volume La vida dels llibres (Afers, 2029) desta mesma serie, penso que a recompilación de textos revisados e ás veces re-escritos ten sentido porque os sitúa noutro contexto e permite descubrir a súa coherencia cun proxecto de fondo: a reflexión de longo alcance sobre a cultura, o país e o mundo contemporáneo a partir dos libros.» (p. 14) A recompilación destes textos dá un volume de cincocentas páxinas (499) en amplo formato: 17,20X24. E os escritos que se recompilan, que recompilou o seu autor, tratan sempre de libros ou temas relacionados co libro: editoriais, revistas, librerías, libros voltos a atopar (normalmente en librarías de vello ou de segunda man, etc. etc.). De libros escritos directamente en catalán ou traducidos a este idioma por editoriais maiormente valencianas, mais tamén outras claro, ou de libros escritos en castelán, ou traducidos a este idioma.

A l’inici del segle. Un dietari de reflexions (2002), Herència d’una època (2006), Espill d’un temps (2021), Emili Gómez Nadal (1907-1993) (2021),  El vertigen dels dies (2019), El temps que vius. Elements per a una crítica del presente (2022), Elogi del pensament crític (2022), Profeta de la raó. Sobre Joan Fuster(2023), son algúns dos libros publicados por Gustau Muñoz. Economista de formación. Ao catalán, entre outros, a Adorno, Enzo Traverso e Leo Löwenthal, ese membro da escola de Frankfurt tan descoñecido por estes pagos, como xa dixemos aquí mesmo cando comentamos o seu libro Escrits contra el feixisme(València, Tres i Quatre, 20121), traducido, precisamente, por Muñoz.

Després del llibre reúne un extenso número de escritos sobre libros e sobre o que  os «rodea», mais tamén fala de escritores, cataláns e de outros, mesmo de escritores valencianos que non escribiron en catalán pero que sempre foron ou son respectuosos coa súa normalización: Rafael Chirbes, Manuel Vicent, Francisco Brines (todos eles, con algunha obra traducida ao catalán/valenciano). Todos os escritos están atravesados tanto por un proído de información coma por unha visión política que matiza a cada momento. Onde queriamos chegar: Gustau Muñoz fai de cada escrito seu un pequeno ensaio, coma o seu mestre Joan Fuster. Non sei se o máis importante para el, mais si no que máis ten «traballado». E tamén coma outros mestres que non se poden deixar de lado: a Escola de Frankfurt, por exemplo. Dá a impresión de que pensa o ensaio como o lugar de encontro entre a literatura, a erudición e o pensamento. (E agora non imos falar sobre o que dixo sobre o ensaio tanta xente, de Lukács a Adorno.) Mais á parte de lugar de encontro, o ensaio –dedúcese lendo simplemente os escritos deste libro– para Gustau Muñoz debe ter unha certa ambición literaria, é dicir, unha vontade de estilo e, evidentemente, unha preocupación pola forma, mais sen esquecer nunca que é a forma dun fondo. E a erudición que mostra non é para apampar a ninguén: é un elemento máis, unha ferramenta, se se quere, que axuda a reforzar a reflexión que manifesta o compromiso do autor. De aí que sexa, en certo xeito, unha erudición mesurada mais exacta, e de aí, desa mesura, que ao ler os escritos que compoñen este libro saibamos axiña que estamos a ler pequenos ensaios e que o autor foxe de toda ideoloxía para discutir a partir e sobre ideas. É dicir, que o autor deste libro é, coma o devandito Joan Fuster, «un escritor de ideas». Mais á erudición, o pensamento, á vontade de estilo á preocupación pola forma, engade Muñoz outros elementos: o fervor e o sarcasmo; o sarcasmo apaixonado. Sobre o fervor, non imos agora descubrir ese marabilloso libro que se titula En defensa del fervor (Barcelona, El Acantilado, 2005) do polaco Adam Zagajewski –que ao valenciano lle interesa mesmo cando se sente lonxe del. Sobre o sarcasmo apaixonado, simplemente reproduciremos estas palabras escritas no cárcere por Antonio Gramsci: «“Ironía” pode ser correcta para a actitude de intelectuais illados, individuais, é dicir, sen responsabilidade inmediata aínda que sexa na construción dun mundo cultural ou para indicar o afastamento do artista do contido sentimental da súa creación (que pode “sentir” mais non “compartir”, ou pode compartir mais de forma intelectualmente máis refinada); mais no caso da acción histórica, o elemento “ironía” sería só literario ou intelectual e indicaría unha forma de afastamento máis vinculada ao escepticismo máis ou menos diletante debido a desilusión, a cansazo, a “superhomismo”. Pola contra, no caso da acción histórico-política o elemento estilístico adecuado, a actitude característica do afastamento-comprensión é o “sarcasmo”, e aínda mellor unha forma determinada, o «sarcasmo apaixonado». Nos fundadores da filosofía da praxe áchase a expresión máis alta, ética e esteticamente, do sarcasmo apaixonado.»[1] e máis adiante afirma o comunista italiano: «Na forma orixinaria hai que considerar o sarcasmo como unha expresión que salienta as contradicións dun período de transición; trátase de manter o contacto coas expresións subalternas humanas das vellas concepcións, ao mesmo tempo acentúase o afastamento das dominantes e dirixentes, á espera de que as novas concepcións, coa firmeza adquirida a través do desenvolvemento histórico, dominen até adquiriren a forza das “crenzas populares”. Estas novas concepcións están xa solidamente adquiridas en quen emprega o sarcasmo, mais deben ser expresadas e divulgadas en actitude “polémica”, doutra maneira serían unha “utopía”, porque aparecerían como “arbitrio” individual ou de camarilla: por outra parte, pola súa propia natureza, o «historicismo» non pode concibirse a si mesmo como expresábel en forma apodíctica ou predicatoria, e debe crear un gusto estilístico novo, mesmo unha linguaxe nova como medios de loita intelectual. O “sarcasmo” (como, no plano literario restrinxido da educación de pequenos grupos, a “ironía”) aparece polo tanto como a compoñente literaria dunha serie de esixencias teóricas e prácticas que superficialmente poden aparecer como incurabelmente contraditorias; o seu elemento esencial é a “paixonalidade”, que se volve criterio da potencia estilística individual (da sinceridade, da fonda convicción en oposición á charlatanería e ao mecani(ci)smo).»[2] (Desculpas polo longo das cita, mais penso que non teñen desperdicio e, ademais, acho que «cravan» o estilo de Gustau Muñoz.)

O fervor notarao axiña quen lea este libro; o sarcasmo apaixonado aínda que atravesa case que todos os escritos recompilados (e os outros libros citados do seu autor) reloce, ou brilla con forza, en artigos como «Finlàndia i Ucraîna, les lliçons de la història», «Valentí Puig es despulla», «Ullada a Genio de España, de Giménez Caballero», e mesmo nese escrito titulado «Steiner i Heidegger», un artigo en que, acho, o seu autor non quixo introducir o sarcasmo, pero este apareceu quizais sen que quixese Gustau Muñoz, porque ás veces o sarcasmo debe aparecer mesmo en contra da nosa vontade.

En verdade, o libro de Gustau Muñoz era o pretexto para valorar unha conduta nun momento dado, e tamén é verdade que para transmitir toda a riqueza do presente volume debería estar a escribir durante bastante tempo, así que vaiamos resumindo.

Diciamos que cada un dos escritos reunidos en Després del llibre era (é) coma un pequeno ensaio, e para reafirmar esa hipótese, só queremos reproducir o inicio do escrito titulado «Llorente i Blasco Ibáñez, un llibre memorable d’Antoni Ferrando» (Blasco Ibáñez, malia todo, continúa sendo coñecido fóra de Valencia, Teodor Llorente, non: váiase á Wikipedia) (traducimos): «Historiar non é o mesmo ca historizar. A primeira operación consiste en narrar os feitos, en expoñer o que se sabe que aconteceu, en estabelecer unha crónica máis ou menos polo miúdo ou exacta dos feitos ou acontecementos do pasado a partir das fontes dispoñíbeis, que poden ser moi ricas ou ben fragmentarias e escasas. Historizar, en cambio, é situar feitos ou acontecementos, procesos históricos no seu tempo, intentar explicalos, entender as claves, ponderar causas e efectos. E isto demanda un distanciamento, a capacidade de separalos das urxencias do presente. Historizar é aplicar o método histórico-crítico, facer comparacións, estabelecer paralelismos que axuden á comprensión e analizar o impacto dos feitos ou os acontecementos nos coetáneos e protagonistas posteriores […]». Despois de traducir estas liñas, non podemos deixar de recomendar a lectura do seu escrito «Retorn a la novel·la històrica», recollido en Espill d’un temps. País, política, cultura, memòria (Valencia, Vincle Editorial, 2021, p. 273-293). Tamén podemos engadir que o «subtítulo» deste volume lle acae perfectamente ao libro que estamos a «comentar». Un libro que se cae en mans dunha lectora ou dun lector do noso país que non saiba moito da literatura e do pensamento que se produce en Valencia, vai ficar abraiado, non só pola cantidade de libros de pensamento e historia que se publican naquel país, senón porque se decatará da riqueza tanto da poesía como da narrativa valenciana (escrita en catalán, en valenciano, se queren vostedes). E non digamos xa da «potencia» editorial, malia que durante anos (os mandatos do PP en anos pasados), e na actualidade, despois das últimas eleccións autonómicas e municipais, foron case que esmagados todos os intentos de levar adiante o país cultural valenciano, e non digamos o político. A asfixia foi feroz, como o continúa a ser agora, pero consolidáronse proxectos editoriais Tres i Quatre, Bromera, Afers, etc., así como as publicacións da Institución Alfons el Magnàmim e o IVAM, que durante os mandatos do PP caeron no máis lamentábel do provincianismos, con grandes corrupcións polo medio. Esas dúas institucións, o IVAM e Alfons el Magnànim rexeneráranse durante as dúas lexislaturas en que gobernou a esquerda en Valencia: hoxe, supomos, que volveron caer nese provincianismo, ou algo peor, de que falabamos hai unhas liñas.

Mais estoume a afastar do tema. Simplemente, lean vostedes Desprès del llibre, se poden atopalo, ou, se lles interesa, poden pedilo a calquera librería catalá ou valenciana (por favor, non vaian a Amazon). Porque as case cincocentas páxinas non teñen desperdicio. Ah!, ademais saberá vostede de que en Valencia hai dous grandes novelistas que non podemos deixar de recomendar: Manuel Baixauli, mais é de obrigado cumprimento recomendar obras súas como Ignot e Cavall, atleta, ocell (ambas Ed. del Periscopi) ou L’home manuscrit (Proa); e Joan Benesiu. Do primeiro non hai nada traducido ao castelán, do segundo, Acantilado deu ao prelo non hai moito Seremos Atlàntida, unha novela case que excepcional, como o é tamén a outra que coñezo del: Gegants de gel: neste novembro apareceu a última, por agora, novela súa: Terminus (as tres publicadas por Ed. del Periscopi). E tamén saberán vostede, se non o saben e este libro chega ás súas mans, que en Valencia, en valenciano, se está a construír unha forte tradición de dietarios e diarios, xéneros ausentes na nosa literatura, e de libros de memorias, nestes somos menos «pobres», pero pouco menos.

Finalmente, chegamos onde queriamos chegar. Un dos escritos recollidos neste volume titúlase: «Cuadernos Hispanoamericanos, una revista enllà del temps» (p. 31-320). Despois dunha pequena introdución en dous parágrafos que desenvolvidos un pouco máis darían pé a un excelente ensaio, Muñoz empeza a falar da revista do título. Revista «que foi fundada o ano 1948. E sobrevive até hoxe mesmo, semella incríbel. Unha publicación creada por un grupo de escritores adictos –promovida polo réxime– en plena posguerra de fame e estraperlo, cun franquismo á defensiva –os seus valedores nazifascistas perderan a segunda Guerra Mundial– mais de cara a dentro duro e agresivo, con torturas e execucións sen tregua de comunistas “y demás ralea”… (O título barojiano incluía “xudeus”, unha concesión ao tempo de auxe do nazismo en Europa, que despois quedaba bastante mal)». Informa logo da definición que de si mesma dá a web da propia revista: «revista de crítica literaria e de pensamento fundada en 1948, foi dirixida sucesivamente por Pedro Laín Entralgo, Luis Rosales, José Antonio Maravall, Félix Grande, Blas Matamoro, Benjamin Prado e Juan Malpartida». A web, di Gustau Muñoz, «é eficiente, ben feita, e a revista publícase tamén en papel. Unha continuidade considerábel e apoios igualmente considerábeis, importantes, de Estado. Dá que pensar… e particularmente dá que pensar nas continuidades políticas e culturais profundas da España radial, daquela España con epicentro en Madrid […].»

Mais, como ben di o valenciano, «O caso é que Cuadernos Hispanoamericanos non é unha revista calquera. “Revista cultural española fundada en 1948 cuxos antecedentes están na sección de Ediciones da Falange franquista, aparece como resposta a Cuadernos Americanos, creada en México por escritores republicanos españois”. Isto pódese ler, de maneira concisa e clara, resumindo o feito, nunha nota a pé nun lugar en principio tan inverosímil como Entre llibres i llibres. Correspondència 1935-1983, de J. V. Foix e Joan Gili, edición de Margarida Trias (Edicions 62, 2021), un volume –un epistolario– por outra parte moi recomendábel, porque dá a ver o fondo duns esforzos culturais tronzados, así como a perseveranza e a agudeza dos xuízos do poeta J.V. Foix. Os poetas teñen fama de non decatarse das realidades duras e máis tanxíbeis, mais non é (do todo) certo». Continúa logo Gustau Muñoz a explicar que naquela «covachuela» se atoparon moi a gusto, mamando do teto, os denominados «falanxistas liberais» (un dos grandes oxímoros contemporáneos, anota Muñoz). Unha das parvadas sostidas polos maineres, trapiellos, amates, gracias e demais caste.

A revista dirixíase, sobre todo, aos países de Hispano-América, para facer propaganda e captar intelectuais. Muñoz afirma que a empresa de procurar aliados se saldou cun fracaso absoluto, aínda que algúns si atopou: «Pagando san Pedro canta».

O número 1 abríase «cunha admonición grandilocuente do daquela xerarca Pedro Laín Entralgo». Despois, segundo o valenciano, caeu do cabalo e moito despois descargou a conciencia. Buenu!, que diría un catalán irónico. O descargo de Laín é máis falso ca unha moeda actual de 12 euros[3]. No número 142, de 1961, xa sendo Luis Rosales director, ábrese cun discurso co ministro franquista de Asuntos Exteriores (de Asuntos Exteriores depende a revista, non do Ministerio de Cultura) Fernando María Castiella, discurso furibundamente anticomunista, pro USA e defendendo a «función vertebral do cristianismo». Pasou a dirixila despois José María Maravall, e empezan a predominar os temas literarios («sen máis, nada de política explícita»). Pouco a pouco houbo aperturas e colaboraron, en vida do Caudillo, xentes como Valeriano Bozal, que era do PCE, Raúl Morodo (ai!), Elías Díaz ou Antonio Elorza (cando aínda era do PCE), etc. Mais, afirma Muñoz, e ten máis razón que un santo, «[…] os temas –e o marco mental– son os de sempre, un aparador disperso –e moi aburrido– de aspectos da literatura e a cultura española: reducionista, limitado ao que permitía agonicamente o réxime e sen dar nin a máis remota idea da realidade pluricultural e plurilingüística de España».

E remata o artigo con este parágrafo: «a incorporación progresiva de plumas democráticas e esquerdosas no marco previo, nunha revista e un ente creado en 1948 polo réxime franquista, dá que pensar, como apuntaba máis arriba. Uns tiñan que aproveitar todas as físgoas para publicaren; outros, os estabelecidos, podían exhibir o seu talante aberto e liberal, preparándose para o que viría inevitabelmente. Mais en resumidas contas mostra demasiadas continuidades, vínculos profundos significativos. Son preguntas que hai que facerse, aínda que sexan incómodas.»

Antes de pasar á anécdota sobre esta revista que queremos comentar, ampliemos un pouco a información sobre colaboradores desta revista durante o franquismo. Nos inicios da revista captaron diversos intelectuais ou escritores suramericanos que hoxe son ben coñecidos: Pablo Antonio Cuadra, José Coronel Urtecho e Ernesto Cardenal, ou sexa, a plana maior da poesía nicaraguana do século XX. Logo, arrepentíronse, mais todos os tres mesmo chegaron a vestir a camisa falanxista e escribir artigos, e algún libro, sobre a misión máis ou menos imperialista de España. E Rafael Gutierrez Girardot, colombiano, proveniente da extrema dereita do seu pais, que logo se reconverteu en heideggeriano de esquerdas (!) e nos seus escritos nesta última xeira falou demasiado de revolución. Nos primeiros dez anos da revista, entre as firmas que aparecen e que se poden considerar antifranquistas, daquela, están as seguintes: Jose Luis Cano, Vicente Aleixandre, Domingo García-Sabell, Jose María Moreno Galván (membro do PCE), Carlos Peregrín-Otero (non sei se naqueles anos se consideraba el antifranquista), José María de Quinto, Alfonso Sastre, Joan Ferraté, Gonzalo Puente Ojea, Blas de Otero, Tierno Galván, Juan Antonio Gaya Nuño (condenado ao acabar a guerra a vinte anos de cárcere), Juan Gil-Albert, que volvera do exilio, Guillermo de Torre (exiliado), José Carlos Mainer, Jacinto Luis Guereña (un exiliado que manifestou que non lle importaría ter morto na batalla do Ebro, xunto a tantos compañeiros, e que cando morreu, quixo que as súas cinzas se ciscasen en tal río), Caballero Bonald, e un amplo etcétera que acolle os nomes de José Ángel Valente ou José María Valverde, que daquela, guste ou non, estaban mergullados no franquismo. Nese amplo etcétera, non aparecen escritores nin galegos (agás o caso de García-Sabell), nin cataláns nin vascos. Non axudaban a facer «respectábel» a idea dunha España imperial, autoritaria, antidemocrática… Estamos de acordo que algúns destes escritores colaboraron para poder comer, pero pensamos que a maioría non. En realidade, na maioría dos casos, matábaos a vaidade, esa gran forza literaria.

E, para acabarmos, transcribamos parágrafos dunha carta enviada por Ramón Piñeiro a Basilio Losada, datada o 5 de abril de 1962:

[…] un día apareceume aquí en Compostela o meu bo amigo Fernando Quiñones e pediume, no seu propio nome e no de Luis Rosales, que enviase colaboración a Cuadernos Hispanoamericanos. Díxenlle que as miñas aitividades cotiáns impedíanme de escribir e que por iso motivo non poidera atender os requerementos de Galaxia, de Guimarães de Lisboa e de Citana de B. Aires, cada unha das cales me tiñan pedido un libro para editar. Coa máis cordial diplomacia, Quiñones insistiu e fíxome esta suxerencia: «ti tes publicado algúns ensaios en galego sobre a saudade, ¿por que non autorizas que os publiquemos en castelán?» Non tiven máis remedio que lle confesar a verdade do meu sentir: que non tiña desexos de colaborar nos Cuadernos Hispanoamericanos. Como é moi intelixente, decatouse rapidamente de todo, Reclamou, iso si, que lle contase os verdadeiros fundamentos da miña aititude, cousa que fixen. E así quedou todo […][4]

Simplemente, sempre hai actitudes e actitudes… que dan que pensar.

[1] Antonio Gramsci, Quaderni del carcere, Turín, Giulio Einaudi editore, 1975, edición ao coidado de Valentino Gerratana, CADERNO 26 (XII). 1935: TEMAS DE CULTURA. § (5). «Contradicións» do historicismo e as súas expresións literarias (ironía, sarcasmo), p.  2298-2302.

[2] Ibid., p. 2301.

[3] Na miña pubertade, nas clases de relixión ou de catecismo, xa non o lembro, cando nos preparabamos para a confesión tiñamos que dar ou facer uns pasos: exame de conciencia, dor dos pecados, propósito de emenda, confesalos todos e cumprir a penitencia. Laín Entralgo, algo mexapías era (como Luis Felipe Vivanco, Jose María Valverde e outros «falanxistas liberais»), non cumpriu co propósito de emenda (véxase a súa polémica con Joan Ferraté en El País sobre o catalán (o supremacismo castelán aparece unha e outra vez: na polémica, desenvolvida en agosto de 1988, interviñeron tamén Aina Moll e Castilla del Pino, cun escrito maxistral recollido en Temas: hombre, cultura, sociedad, Ediciones Península, 2002), e tampouco confesou todos, e, é máis que evidente, nin el nin todos os que foron franquistas, renegados do franquismo ou non, cumpriron ningunha penitencia.

[4] Ramon Piñeiro-Basilio Losada: «Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia (1961-1984), Vigo, Editorial Galaxia, 2009, edición a cargo de Helena González e María Xesús Lama, p.122-123.

ARTICLE PUBLICAT A BIOSBARDIA, REVISTA GALEGA DE LLIBRES (“O PAIS DOS LIVROS EN GALEGO”).

País Valencià, Segle XXI © 2025 Tots els drets reservats

Desenvolupat per disEdit
a partir de WPSHOWER